Fai uns días atopeime con esta noticia a cal quero compartir con todos e todas, xa que no curso pasado, vimos a película Entre lobos. a cal vola recomendo.
O neno lobo de Sierra Morena vive en Galicia e precisa axuda
A asociación Amigos das Árbores da Limia impulsa varias actividades para recoñecer a figura de Marcos Rodríguez Pantoja, que hoxe ten 72 anos
Non é preciso ir ata Disney nin ler a Kipling. A poucos quilómetros do centro de Ourense vive desde hai xa bastantes anos un Mowgli cunha vida moito máis real e crúa. E ten nome, tamén real: Marcos Rodríguez Pantoja. Hoxe xa conta 72 anos. E 12 deles pasounos sen contacto algún con humanos, protexido polas mandas de lobos de Sierra Morena, entre La Mancha e Andalucía. Un neno lobo.
A súa historia é bastante coñecida, e máis desde que en 2010, o director Gerardo Olivares levara a súa vida ao cine no filme Entrelobos. Marcos naceu en 1946 en Añora (Córdoba) e a súa vida xa foi dura dabondo antes de ter que vivir só no monte. A súa nai morreu cando era neno, o seu pai casou de novo e a nova nai levábao a base de paus. Acabaron abandonándoo, ou vendéndoo – esta parte da súa biografía non queda clara –, e empezou a coidar dun rabaño de cabras ao outro lado da Sierra Morena, xa en Ciudad Real, acollido por un pastor, ata que perde contacto con calquera vínculo humano e bótase ao monte.
Desde os 6 ata os 17 anos, aproximadamente, estivo sobrevivindo entre lobos, protexido pola manda. Non fixo esforzos por volver ao mundo humano, porque para el, ese era un mundo hostil. Cazando, pescando, e medrando en plena natureza. Gran parte da infancia, a adolescencia e a xuventude sen ningún tipo de estímulo social; unha eiva que deixou unha pegada definitiva no seu desenvolvemento. En 1963, unha persoa viuno gabear polas rochas e deu aviso á Garda Civil, que o recolleu do monte.
Comezou entón un difícil proceso de reinserción na sociedade, lastrada polo tempo que pasou illado. Apenas sabía falar, camiñaba a catro patas, descoñecía a maioría das convencións sociais. “As estruturas do seu pensamento creceron a un ritmo diferente e dunha forma distinta de como o fixesen no seo da sociedade”, o que amosa unha evidente “problemática da irreversibilidade dunhas determinadas aprendizaxes cando estas se produciron – ou non – durante os anos cruciais da vida”, expuxo nunha ampla investigación o catedrático de Antropoloxía Gabriel Janer, que estudou durante anos a vida de Marcos.
O que fora neno lobo, xa maior, percorreu varias zonas de España na súa nova vida. Estivo nun asilo en Madrid, viaxou a Mallorca en busca de traballo, e finalmente, tras varias idas e voltas, acabou en Fuengirola, onde o atopou un galego que lle ofreceu unha casa que tiña nunha aldea ourensá. En Galicia vive desde entón, moi ben integrado cos veciños da aldea. Conversa con eles, fai rutas polo monte, dá charlas en centros educativos e colabora con iniciativas en defensa do lobo, o que foi o seu compañeiro durante tanto tempo.
“Que se sinta útil”
E agora, Marcos precisa axuda. “Vive só, nunha pequena casa prestada por un veciño, e conta cunha pequena pensión non contributiva”, explica Xosé Santos, da asociación Amigos das Árbores da Limia, que iniciou unha campaña para botarlle unha man. “A casa é moi fría, e hoxe vaina quentando cunha estufa de butano, pero estamos axudándolle para comprar unha pequena caldeira de pellets“.
Unha das primeiras iniciativas para botarlle unha man a Rodríguez Pantoja terá lugar este venres en Xinzo de Limia. A partir das 20 horas, no café-libraría Itaca, proxectarase a película Entrelobos, e a continuación haberá unha palestra na que Marcos responderá ás cuestións dos presentes sobre a súa vida como neno lobo. Alén disto, poñeranse á venda diversos obxectos para sufragar a axuda a Marcos.
Porén, tal e como sinala Xosé Santos, “a mellor maneira de axudar a Marcos e intentar que se sinta útil e aportando o seu saber á sociedade. El é feliz contando a súa historia aos nenos e aos maiores, concienciando á xente da importancia de protexer ao lobo e á natureza en xeral”. Por isto, Amigos das Árbores xa ten en mente máis proxectos para recoñecer a importancia do testemuño de Marcos, como un dos poucos casos estudados de neno lobo que hai no mundo.
Fátima Puente López
No hay comentarios:
Publicar un comentario